As feiras e mercados no Fefiñáns dos séculos XVI e XVII

Ernesto Losada Dopazo


{Descargar en PDF - Word - ePub}


Os tempos

A vida galega no século XVI, era inestable, violenta e anárquica. Os estamentos enfrontábanse de cotío. As institucións desartellábanse e desvirtuábanse. Non existía a serenidade e o lecer mediático que facía posible a labor creativa. Isto viña de antano, por culpa da loita dos nobres contra os servos, pois era moita a desigualdade para que non bateran.


Naqueles tempos, o rei, o clero e os nobres, eran donos do noventa e cinco por cen das terras, e os que nacían nelas , mozos e mozas, pertenecíanlle, podendo dispor, das súas vidas e mortes. De forca e coitelo. Xúntanse a iso o comportamento dos grandes foreiros , que eran harpías que devoraban tanto ós labregos coma ós mariñeiros, sendo, non máis, caciques e abellóns, co que apodrecían o ambiente social. E isto ocorría por culpa do fracaso da Guerra dos Irmandiños, a gran apopeia bélica do noso pobo galego.


Isto trouxo desacougo a Galicia e inestabilidade política, que foi en aumento coa chegada ó poder de Felipe II, xa que superou a cota de inxusticias que fixeron cos galegos os chamados Reis Católicos, coa intentona de doma e castración de Galicia e o seu neto, e pai de Felipe II, o Emperador Carlos V, coas políticas de axuda a aristocracia señorial e eclesiástica a conta do pobo que era quen traballaba. Isto provocou a fame, pois as terras de morgados os campesinos tiñan que cultivar o que lles interesaba ós seus xefes, e non sementar os productos que cubrisen as súas necesidades. E este resultado do sistema económico, de non poder sementar cereais e si coidar o gando, trouxo fame, xa que o trigo viña de Castela, e cando ela no tiña, había que importalo de Francia ou Italia a prezo de ouro. Engádase a isto o lamentable estado dos camiños, a falta de pontes e de seguridade.


Tantos problemas fixo que as vilas costeiras foran, dentro do malo, as máis beneficiadas , xa que por mar había máis facilidades para burlar os atrancos do desenvolvemento do comercio, que tiña, en Galicia, sobre todo, unha maraña de impostos, e os trabuqueiros, chamados Xuíces Executores, portábanse coa xente de forma enérxica. A súa chegada era como un andazo de peste.


Págase por todo. Había productos estancados, como o sal, que a explotación lle corresponde a Coroa. Nesta comarca tíñamos as importantes salinas de Noalla, as de Portonovo e Tragove, onde está agora o Muiño da Seca.


Outros impostos son os das Alcabalas, unha especie de IVE que se paga por tódalas transacións comerciais e que supón un dez por cento do seu importe. Logo os Diezmos e Primicias, que supón outro dez por cento para o Clero, tanto das vendas coma das colleitas e animais ou productos do campo ou do mar. Da pesca había que pagar o cincuenta por cento sobre a súa explotación bruta, pese a que as embarcacións e arte de pesca eran dos mariñeiros, incluso a súas vivendas. Pero había un señor que decía que ten dereito a recibir esa parte dos rendimentos, pola única e suprema razón de que nun documento consta que o porto lle pertence.



O Morgado de Fefiñáns


Fundou o Morgado de Fefiñáns, no ano 1.562, don Gonzalo de Valladares e Sarmiento, O Vello, nado en Caldas de Reis e casado coa dona Catalina Fandiño Mariño de Soutomaior, filla do Comendador don Arias Fandiño de Goiáns.


Tiveron sete fillos, e o cabezaleiro foi don Gregorio Valladares e Sarmiento, nado en Fefiñáns no ano de 1.539, que foi señor desta casa ata a súa morte no ano de 1.588. Casou coa dona Catalina de Andrade e Figueroa, filla de don Fernando Pérez de Andrade de dona Juana de Barros Fajardo. Tiveron tres fillos. Morto don Gregorio, tomou dona Catalina novas nupcias con don Gonzalo de Abraldes, dos que naceu un fillo que foi don Benito Abraldes, Mestre de Campo.


Un fillo de don Gregorio, chamado don Gonzalo de Valladares e Sarmiento, O Mozo, nado en Fefiñáns en 1.583, foi o I Vizconde de Fefiñáns, nomeado en 1.647. Foi Correxidor da Paz (Bolivia) dende 1.650 ata a súa morte naquelas terras no ano 1.659. Casou coa dona María de Ozores, filla do Conde de Amarante don Fernando Ozores e Soutomaior. Dos seus fillos o cabezaleiro foi don Fernando de Valladares, II Vizconde de Fefiñáns, nado no pazo de Fefiñáns.



Os morgados suspendéronse por Decreto do 27 de setembro de 1.820, sendo sancionado o 11 de outubro do mesmo ano.



Fefiñáns naqueles tempos


Fefiñáns xa tiña a principios do Século XVI, a través do seu porto, unha boa actividade comecial, pois alí arribaban os galeóns con peregrinos para achegarse a Santiago de Compostela, e, ademaís, a cargar ostras frescas e escabechadas, das que tanto había en Fefiñáns, chegando a ser coñecida como ostreira. E diso xa debía facer moito tempo, pois según nos conta Otero Pedrayo na Prehistoria de Historia de Galicia, Marcial, no epígrafe dedicado a Materno, dá conta da abondosidade e louva as ostras que nestes lugares se recollian, e dí que andaban tan mestas e eran tan grandes, que os criados podían comer delas canto quixeran sen ter que roubarllas os seus amos.


Outra riqueza explotada por Fefiñáns eran os cargamentos de ameixas e vieiras, case todas elas do Serrido, para levalas a Portugal , Francia e Inglaterra e a diversos países do Mediterráneo.


Estas chegadas de xentes e a actividade portuaria, dou motivo a que se construíse un hospital baixo a devoción de San Bieito, que agora é a igrexa dedicada ao mesmo santo. O recordo do hospital fáinolo un cadro no que aparece San Bieito visitando os enfermos, que se conserva, na actualidade, no interior da igrexa.


Igrexa de San Bieito, Fefiñáns, Cambados


O estilo arquitectónico desde Hospital era gótico que aínda agora se pode aprezar no seu interior, pero as reformas feitas por Carlos III no Século XVIII (1.784), a través do Marqués de Figueroa, cando aínda contan os gostos do barroco, renovaron a zona da nave, sendo o mestre Manuel Ferreiro, veciño de Cambados, que se encargou de levar o ramo desta obra, que acabou dentro dunha austeridade, no aspecto formal (na portada principal e nas torres) que alude, a pesar duna concisa decoración de placas, á sobriedade que preconiza o neoclásico.


Inscripción da reforma da igrexa de San Bieito, Fefiñáns, Cambados


"Hízome el Marqués de Figueroa. Año de 1784. Carlos III reinando en España.
Maestro de la obra Manuel Ferrº (Ferreiro) i Fuente"


O atrio que rodea o igrexa, feito poucos anos maís tarde das reformas, custou setenta e cinco reais, e remata, fronte ó Pazo, (entón cruzado ata igrexa por unha ponte de madeira), coa figura de Balboas, que ven ser o Padre Sarmiento, pois dito nome de Balboa era o primeiro apelido materno de tan prestixioso persoeiro. Aparece coa maza como defensor dos Benedictinos, orde a que pertenceu dende os quince anos. Debeu ser un recordo de Carlos III, que tanto o admiraba e para quen fixo o proxecto das estradas de España. O Padre Sarmiento estivo moi ligado a Cambados por vía materna, e gardaba cunchas de Cambados en Madrid, sendo o verdadeiro nome Pedro José García Balboa.


Estatua de Balboas


Fefiñáns pertencía antano ao armazón xurídico-eclesiástico de Compostela, e á parroquia de Vilariño, na que estivo ata o ano de 1.882. Por iso non tiña igrexa, pero pola súa actividade e poboación (só arredor da praza habería medio cento de feligreses) autorizouse que se dixera misa no hospital e se puxese Pila Bautismal e Santísimo Sacramento.


A auga do mar chegaba preto da praza, poís ocupaba gran parte do vello campo da Merced, ata chegar á Congostra, ou Caleixón da Rianxeira, para seguir pola Carreira (hoxe rúa Santander) ata a Cabana e ó Picho. Pola outra banda chegaba o mar preto da coñecida Casa dos Botanas, por donde chegaba o mar ó Río dos Muiños dos Fornos. Nestes tempos o crego de Cambados, don Antonio Domínguez, que era reitor de Santa Mariña, fixo unha casa dentro duna gran finca que logo doou para o igexario, que custaría entón maís de catro mil ducados, segundo nos conta nas súas memorias o Arcebispo de Santiago, Cardenal Jerónimo del Hoyo, que visitou Cambados en 1.607. Dita propiedade pasaría a mans da Marquesa de Figueroa, por vir acompañando o seu irmán, crego en Vilanova de Arousa, destinado a atender a igrexa de Santa Mariña. Dita finca foi más tarde cortada polo alcalde mayor de Cambados, o Marqués de Montesacro, para facer as estradas a Vilagarcía e Pontevedra. Actualmente é o Parador Nacional do Albariño, non parecéndose en nada á anterior edificación.


As vivendas, no Século XVI, eran case todas de planta baixa ou cun patín. Nelas compartían as vivendas porcos e outros animáis domésticos, e os poucos negocios que entón había. Logo, pola prosperidade, fixéronse grandes casas e, por desgraza, case todas elas foron desaparecendo ó longo dos anos. Nunca faltaron tabernas, poís había moito viño e anunciábanse por medio dun loureiro verde na porta. Xogágase moito ó azar. Os xogos desenvolvíanse en mesas cheas de viño tinto e branco, é a maioría dos clientes eran mariñeiros e arrieiros, que se achegaban a elas como un pasatempo e á vez como templo de incondicional fidelidade; como algo que ven do pasado. Xunto os do xogo, sentábanse os miróns, a quen os que gañaban, xa xogasen a baralla, a malicia ou os dados, mostrávanse xenerosos, pois repartían entre eles parte do que gañaban no xogo, que se coñecía como pagar o barato. Hai poucos anos que desapareceu unha típica taberna preto da igrexa, coñecido como a de Pepa do Mirón.


As prazas e as rúas eran de terra e non tiñan nomes, coñecéndose polo gremio dominante nelas ou por algún alcuño de persoeiro popular que viva na mesma.


Chovía moito máis que agora, e por iso todo eran lameiras, axudando a iso a falta de conciencia e respecto dos coidados dos espacios públicos, pois todo se tiraba a rúa.


Non había iluminación noturna nin en prazas nin en rúas. Soamente algunha lámpada votiva nos cruceiros ou na porta do hospital. Por iso a xente deitábase cedo. Nas casa dos pobres, para se alumear, soamente podería haber algunha vela de sebo ou farol lumeira. Na dos ricos, velas de cera ou lámparas de aceite. Durante as feiras e mercados, os señores do pazo facían luminarias ou luces de celebración nas postas do pazo por medio de farolas de aceite ou candilóns, e grandes fogueiras no centro da praza cun dobre fin: a de alumear á praza e de paso quentar a cantos acudian a feiras e mercados e tiñan que dormir na praza.


A vida entón non se valora tanto como agora, poís é unha sociedade apaixonada e violenta, polo que é normal sair da casa armados: os ricos con espada, daga e bastón; os pobres con coitelo e navalla. Por encargo do Morgado, patrullaban, os días feirados e de mercado, os alguacís para evitar desmáns, tendo que intervir moitas veces, nisto para a tranquilidade naqueles tempos turbulentos, dado que a súa condición de centro comercial, Fefiñáns contaba con grande cantidade de poboación flutuante, que fixo florecer a picaresca.


Fefiñáns, ó longo destes dous séculos (XVI e XVII), foi moi alegre e de grande colorido, xa que as rúas estaban ateigadas de xente, sobre todo en feiras e mercados. Fidalgos a cabalo, paxes, criados, mariñeiros, frades, mercaderes, cambistas, pobres a pedir...



As feiras e mercados en Fefiñáns


En teoría as feiras son celebracións dedicadas ó Santo Patrono do lugar, mentras os mercados teñen menor entidade comercial e festeira, pero organizanse con máis frecuencia.


En Fefiñáns, durante os séculos XVI e XVII, as feiras facíanse durante os actos festivos de San Bieito (arredor do 21 de marzo en inverno e do 11 de xullo no verán) como festas nadas e costeadas polo señor do Morgado, coa condición de que se fixeran na praza para que se propagase a súa generosidade.


Debuxo da procesión de San Bieito, ano 1920


Os mercados facíanse ó longo de todo o ano , mércores e domingos, para reafirmar ou reivindicar uha entidade colectiva e a oportunidade de estreitar os lazos dos señores coa localidade onde se localizan. Por iso, aquela sociedade non pode prescindir do carácter histórico do lugar.


Primeiramente eran mercados locais, desempeñando funcións de troco de cousas accesorias, pois as consideracións económicas tiñan unha importancia secundaria, se as comparamos cos imperativos relixiosos e os temores que rexían as súas vidas: o santo amor ó Señor do Ceo, e o temor o Señor da Vila, pois tanto estos últimos coma o Clero, facían, con feiras e mercados, unha función pedagóxica, de mostrar quen era quen, en cada circustancia ou quen mandaba no lugar.


Pese a todo, as feiras e mercados desempeñaron unha labor social tanto para Fefiñáns como para todo Val do Salnés, por cumprir un papel de comunicación importante, ofrecendo un servizos que noutros lugares do entorno non tiñan, e facilitándolle contactos viables entre o vendedor e o comprador, medios extructurais portuarios e unha garantía de seguridade material e legal, durante a realización dos trocos.


Por todo iso fíxose de Fefiñáns o centro comercial, non só do Val do Salnés, senón das terras de Padrón, Caldas de Reis, Sanxenxo, etc. Chegou a soar tanto que foi atacada por turcos, berberiscos e marroquís, que foron desvastados, en sanguentas loitas, polo heroísmo dos terrícolas, comandados polo Mestre de Campo, don Antonio Abraldes, cabo da xente do Partido da Ría de Arousa e nado en Fefiñáns, e don Gonzalo de Valladares e Sarmiento, señor de Fefiñáns.


Ao ir aumentando , tanto feiras como mercados, unha actividade localizada na praza, faise unha utilidade do espacio público da Vila. Así nacen novas prazas e rúas e as vendas fanse por gremios ou zonas especializadas, onde se negocia a producción por separado: leña, roupa, peixe, ferramentas, recipentes de coiro, peles verdes ou de media cura, obxetos de metal, froita, cereais, etc. Os prateiros estaban na Rúa Novedades, hoxe Rúa Compostela, e traballaban para tódalas igrexas do Val. Por mar chegaba o que aquí escasea, tales como panos, sedas, aceites, brea, etc.


En sitio aberto (preto dos actuais xulgados, ou Campo das Cajallas), estaba a venda de gando: bois, vacas, porcos, carneiros, cabras, galiñas... E chegou a ser tan importante que se vendían animaís salvaxes, tales como martas e lobo cervado, que era moi aprezado en Castela. Tanto se vendía que se chegou a desprazar xente a Corte para alugar a explotación da abundante troita, dende Ponte Arnelas á Ponte Estacas en Castrelo.


Por iso, do mercado daqueles primeiros anos, de trato de xentes modestas que non permitían aventuras co seu pouco capital; que empezou vendendo productos naturaís da terra e mar, e algo de elaboración artesanal, a ir a máis, aparecen na escena os individuos egoístas, calculadores e racionais que, a economía, colocan no centro da sús especulacións, pero que tamén foron os que tiveron o verdadeiro despertar de Fefiñáns, pois ó afincarse aquí, construiron boas vivendas, fixéronse cambistas (dise que Cambados ven de cambistas), mercaderes e artesáns, creando moita riqueza. Púxose a dilixencia que saía da Praza das Rodas, onde tiña as cocheiras que fai poucos anos que desapareceron.



A gran influencia nas xentes de Fefiñáns


As xentes de Fefiñáns, e sobre todo os mariñeiros, foron os máis beneficiados con feiras e mercados, pois á diferencia do labrego desempeña súa actividade lonxe da visión controladora do Señor da Vila e dos seus representantes, por máis que os vigarios anden preto do mar. Por iso empezou a destacar e a crearse unha burguesía mariñeira, que foi cobrando forza económica e política fronte ós señores; que se abre camiño entre a burguesía da Vila, pois, polo tipo de traballo, réxense por un sistema urbano en oposición ó rural, por iso encaixa máis co artesán que co labrego. Vive a carón do artesán con paredes medianeiras, mentres que o labrego vive nunha casa aillada e completamente independente dentro do punto de vista constructivo. Así se xustifica, dende o Século XVI, que é cando se define a personalidade dos mariñeiros de Fefiñáns. Esta situación seguiría en esplendor ata finales do Século XVII, fin da época de prosperidade de Fefiñáns e polo tanto dos seus mariñeiros que se fixeron mercaderes e transportaban o peixe, fresco ou salgado, e marisco para Andalucía e a distintos reinos de Aragón.


Isto fixo de Fefiñáns unha vila de señores, artistas, comeciantes, cambistas e mercaderes, que deixaron unha grande semente cultural que ainda agora se nota nas xentes de Fefiñáns; e pese ó deterioro nas edificacións, aínda se nota a grandeza que tivo Fefiñáns.


Ademais, feiras e mercados foron un exemplo para achegarse de todos os arredores a satisfacer as necesidades máis inmediatas de tipo mercantil, sanitario, educativo e lúdico, e a relacionarse, aínda que fose por unhas horas, con distintos grupos sociais. Estas relacións de mercado, observanse, salvando as distancias, hogano, xa que ainda acode moita xente os mercados os mércores e sábados a mercar a Cambados.